O concurso de deseño gráfico de camisetas volve ao “Tinto”

IMG_20160521_114729   O deseño de camisetas propias representa xa todo un clásico na tradición festiva de Galicia. En Ribadumia, de feito, esta costume practícase dende moito antes da instauración dun concurso oficial, que ven a actuar como aliciente e a recoñecer a labor e a implicación coa festa dos grupos participantes.

   Na procura das camisetas que mellor representen o motivo de celebración e o ambiente da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas, a competición volverá este ano a estar presente durante a XLVI edición.  E é que o concurso, que implica a “peñas” e veciños de toda a comarca, supón un estímulo máis para participar destes días de festexo e difusión da calidade dun caldo tan apreciado.

   Para participar, os grupos teñen que presentar un exemplar da camiseta deseñada nas dependencias do Concello, antes das 13:00 horas do martes 29 de maio. Así mesmo, deben acompañar este deseño dun sobre pechado co nome da “peña” e os integrantes da mesma, un teléfono de contacto e o lema da camiseta no seu interior.

   Á hora de elixir aos gañadores, nomearase un xurado conformado por un membro con experiencia no debuxo e outro con experiencia en fotografía, ámbolos dous coñecedores da festa, así como tres persoas designadas entre o persoal do Concello. Este tribunal outorgará tres premios: un primeiro premio de 200€, un segundo de 100€ e un terceiro de 50€.

   Os gañadores serán dados a coñecer o sábado 2 de xuño na Carballeira de Barrantes, durante os actos centrais da XLVI edición da festa grande de Ribadumia.

Advertisements