A 46ª edición da festa que homenaxea os viños da comarca ven cargada de actividades

Programación Definitiva

O pasado venres, o Concello de Ribadumia e a Comisión Organizadora daban o disparo de saída oficial á “XLVI Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas”. Na presentación ante os medios de comunicación, alcalde e concelleiros quixeron recalcar a importancia desta festa para o municipio, tanto a nivel cultural como económico e turístico, así como agradecer a tódolos veciños, entidades, adegueiros e viticultores que participan e axudan na súa organización.

Con máis de 50 anos ás súas costas, a festa renderá homenaxe novamente aos tintos da zona, tanto aos autóctonos -tipo cariño, mencía ou espadeiro-, como -e especialmente- á variedade híbrida folla redonda, coñecida como “tinto Barrantes”.

Como non podía ser doutro xeito, Barrantes encherase de viño, comida, música e diferentes actividades durante tres intensos días. O xoves 31 de maio, a orquestra “Combo Dominicano” será a encargada de ir abrindo boca ao fin de semana grande, que comezará o venres ás 13:00 horas, cando se produza a inauguración oficial da festa, coa apertura dos postos e o comezo dos pasacalles.

“Panorama”, “París de Noia” e “Combo Dominicano” serán, sen dúbida, as estrelas das catro noites, que resoarán coa música das mellores orquestras de Galicia. Ademais, por terceiro ano consecutivo, o Concello apostará tamén polas bandas locais, que o sábado 2 farán retumbar Ribadumia  a golpe de rock.

Pero non só haberá música. Como marca a tradición, na festa daranse a coñecer os mellores viños, elixidos entre os presentados ás catas que estes días se celebran no Centro Social de Barrantes, caldos que poderán ser degustados de xeito gratuíto por todos os presentes. E, por suposto, realizarase a habitual investidura dos novos “Valedores do viño tinto do Salnés”, e entregaranse os premios aos mellores deseños de camisetas presentados polas peñas.

O sábado, o “Xantar de Confraternidade” congregará un bo número de comensais en torno ás mesas situadas para a ocasión no pavillón de Barrantes. Empanada, polbo á feira, carne ao caldeiro e fresas con viño, regados por algúns dos mellores tintos do Salnés, encherán o bandullo dos presentes, que poderán recuperar enerxía para continuar coa festa. E se a noite de troula non deu aínda para dixerir este menú, a andaina do domingo será a ocasión perfecta para facelo. Os donativos recadados con esta actividade, ademais, serán destinados a BATA, asociación que loita pola integración das persoas con autismo.

Os “Cantos de furancho”, os xogos tradicionais, os show cooking, a festa da escuma e moitas outras actividades pensadas para agradar a tódolos públicos, completarán a oferta dunha fin de semana de celebración, na que Ribadumia volverá a tinguirse, por cuadraxésimo sexta vez, da cor do tinto.

Advertisements