Pepe Capelán, pregoeiro da “XLVI Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas”

Pepe Capelán

Nesta nova edición da festa grande de Barrantes, o pregón chegará cargado de humor da man de Pepe Capelán.

Guionista, colaborador en varios programas da TVG, humorista, actor… home polifacético, mal que lle pese: “sempre quixen vivir do conto. Pero de momento, estame costando”, comenta nas súas redes sociais.

Seguramente moitos o coñezan polo seu traballo no programa “Bamboleo”, onde colabora dende os inicios, alá polo 2011, dando o seu toque de enxeño. Pero as malas linguas din tamén que é amante das Vespas (as motos, non os insectos) e cantante e guitarrista  do grupo “Fillos do estramonio”.  De AC/DC a Carlos Baute, pasando por James Brown ou Pharrell Williams, o conxunto adapta as letras de temas sobradamente coñecidos á idiosincrasia galega: da súa man, “Highway to hell” convértese en  “Jastei o gel“ e “Colgando en tus manos” nun enxebre “Movéndome os marcos”.

O seu currículo, no que figura tamén algún que outro pregón, promete gargalladas abondas, e pode que algún atragoado por mor da mestura de risas e tinto. Por iso, o sábado 2 de xuño, a partir das 13 horas, recomendamos manter os beizos apartados da cunca por un intre.

 

Advertisements