O “Tinto” traspasa fronteiras

O tinto do Salnés ten xa sobrada fama entre os galegos, xa sexa en furanchos, de festa ou para acompañar un bo prato de polbo á feira. Agora, este viño pode traspasar fronteiras –xunto ao nome da comarca, do concello e da parroquia de Barrantes– da man de dúas escolares de 4º da ESO.

A idea xurdiu nunha clase de “Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial” impartida no CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia.  As rapazas e rapaces debían crear unha unha páxina dixital propia sobre a festa grande do seu municipio, para practicar a configuración deste tipo de documentos dende a orixe. Quince alumnos e alumnas do centro realizaron cadanseu proxecto seguindo as pautas marcadas. Pero dúas rapazas Diseño sin títulodecidiron, ademais, conxugar o que era nun principio era só traballo escolar coas súas propias raíces culturais e lingüísticas. Así naceron dúas novas webs en árabe e búlgaro, que promoven  o tinto do Salnés e a festa que lle rende tributo a partir de mañá.

Preslava Mihaylova Pencheva e Noura Ibneloualid, dúas ribadumienses de procedencia búlgara e marroquí, atrevéronse a realizar este proxecto a pesar das dificultades que se lles presentaron, xa que, aínda que falan as respectivas linguas dos seus países de procedencia de xeito fluído,non teñen a mesma facilidade á hora  de representalas na escrita. E é que, ademais da falta de formación académica nestes idiomas (habitan en Ribadumia dende nenas), os teclados occidentais non están adaptados ás grafías do alfabeto cirílico e árabe. Así mesmo, co seu esforzo, as rapazas dedican unha homenaxe especial ás súas respectivas comunidades de orixe, que contan xa cun bo número de representantes no municipio. De feito, os veciños orixinarios de Bulgaria supoñen o colectivo estranxeiro establecido en Ribadumia máis numeroso, segundo mostra o censo.

A pesar de que, polo momento, se trata dun sinxelo traballo escolar sen grandes pretensións, a idea abre,  sen lugar a dúbidas, unha gran posibilidade para que a “Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas” se dea a coñecer a nivel internacional, co potencial de chegar a preto de 300 millóns de persoas que falan algunha destas linguas arredor do mundo.

(Podedes acceder a estas dúas publicacións dixitais nos enlaces situados a pé de páxina)

Advertisements