Ribadumia vístese de gala

DSC_0005Este ano, a “Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas” chega con algunha que outra novidade, da man do Concello e os comerciantes do municipio. Serán varias as iniciativas coas que buscarán animar aínda máis o ambiente da celebración que homenaxea un dos produtos estrela da comarca.

Entre estas novidades, atópase a escenografía elixida para acoller a festa. As rúas de Barrantes estarán, nesta ocasión, máis decoradas que nunca, creando unha atmosfera na que o tinto impregnará todo tipo de comercios. Acios de uvas xigantes e moquetas da cor do viño adornan xa algúns dos establecementos da parroquia, que se viste de gala para render tributo ao caldo do Salnés durante a fin de semana.

Ademais, este ano os comerciantes repartirán entre os postos de venta unha boa cantidade de rifas, coas que serán agasallados os que se acheguen a probar os seus produtos. Cos boletos, os presentes poderán participar nun concurso e gañar vales para realizar as súas consumicións en varios establecementos de Ribadumia. Os sorteos celebraranse ao longo da tarde do sábado e o domingo na carpa dos stands, onde 1500 papeletas serán repartidas entre o público que se achegue a desfrutar da festa grande do concello.

 

 

 

Advertisements