Historia viva de 46 anos de festa

copia páxHoxe da comezo, de xeito oficial, a cuadraxésimo sexta edición dunha festa que é xa tradición en Ribadumia. Corenta e seis anos vividos en primeira persoa por un veciño que tivo un papel fundamental no seu nacemento.

Manuel Núñez Señoráns conta con 94 anos ás súas costas, pero non semellan pesar moito. É o dono dunha desas tendas-bar de aldea, das que gardan milleiros de lembranzas. As paredes deste pequeno establecemento de Leiro respiran anos de historia: a dos seus donos, a dos centos de clientes que por alí pasarían a tomar unha cunca de bo viño, e a da festa que hoxe se inicia.

Con só unha ollada polas súas paredes, semella que paseamos por anos de celebración. Viaxamos atrás no tempo coas fotografías e carteis que colgan destes muros e resumen os lazos que unen a Manuel coa “Festa do Viño tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas”.

copia2Na presentación desta edición da festa, celebrada hai uns días na súa adega particular, Núñez Señoráns compartía cos presentes as súas lembranzas sobre o nacemento dun proxecto que pretendía render homenaxe ao “tinto de Barrantes”. Agora fai xa case medio século dende que a idea se puxo en práctica por primeira vez, organizada, entre outros, polo propio Manuel, por aquel entón membro do Concello. Coa experiencia de tódalas celebracións vividas, o adegueiro recorda tamén que os seus caldos contan con 36 galardóns aos que, como sinala o alcalde, podería sumarse un máis. E é que nesta edición, o seu viño pasou xa as primeiras catas, converténdose nun dos vinte e catro elixidos para chegar á final.

Xunto ao de Manuel, foron uns 130 viños os que se presentaron este ano a concurso, entre tintos e autóctonos, degustados minuciosamente polos padais máis expertos da zona: os de 18 adegueiros e viticultores que levan anos catando caldos.Ou sería máis acertado dicir vivindo? Porque como o máis veterano destes homes sinala, toda a súa vida xirou en torno ao viño. Xa non lembra os anos que leva participando nas catas, pero asegura que máis de 40, cando estas se realizaban unha a unha polas diferentes parroquias. Pero neste caso, o de “calquera tempo pasado foi mellor” non parece convencer aos bodegueiros, que aínda que semellan recordar con certa morriña estes paseos, coinciden en sinalar que agora o concurso está mellor organizado. E é que antes, comentan, a “picardía” era calidade habitual entre os xurados, que tiñan relativamente doado identificar o viño de cadaquén entre os da súa parroquia.

Das eleccións do comité de cata -que este ano contou, por segunda vez consecutiva, con unha muller entre os seus membros- sairán elixidos os seis mellores de cada categoría, que se anunciarán mañá e que poderán ser degustados polo público xeral no Xantar de Confraternidade. Tras a gran final, ademais, realizarase o nomeamento dos novos Valedores da “Orde do Viño Tinto do Salnés”: José Caldas Frieiro, Manuel Castro Castro, Ramón Cores Vázquez, Alejandro Carballa Riego, José Luis Vilanova García, Ricardo Núñez Serantes e Roberto Lucio Abal, aos que se suma Vicente Sotés, vicepresidente da Organización Internacional da Vide e o Viño.. Todos eles pasarán a formar parte do conxunto de persoeiros –adegueiros, membros do mundo da cultura, xornalistas, empresarios, etc- recoñecidos con este título por defender as bondades do tinto. Os sete prestarán, ante o público presente, o tradicional xuramento para  defender ata caer rendido, que non mareado, as bondades desde tinto, fonte de saúde, seña da nosa identidade e causa do noso sorriso perpetuo.

Advertisements