Barrantes, tinto, e rock and roll!

CARTEL1Hoxe, día grande da festa, a xornada preséntase cargada de actividades. A investidura dos novos valedores, a lectura do pregón,o Xantar de Confraternidade ou a festa da escuma amenizarán a celebración a partir das 12:30 horas. Ademais, á música tradicional e de orquestra sumarase, a partir das sete da tarde, o rock and roll.

Catro grupos locais e un invitado da comarca farán saltar aos amantes deste xénero na Avenida Rosalía de Castro, que durante unhas cinco horas vibrará ao son de guitarras eléctricas, baixos e batería. Unha oportunidade única para desfrutar dalgunhas das mellores bandas do Salnés.

Os encargados de abrir a veda serán os ribadumienses Ghesgha. Xosé Virxilio Outón (guitarra), Daniel M. Vázquez (baixo), Gabriel González (batería) e Adrián Chaves (teclado, sintetizador e bombardino) romperán o silencio co seu rock instrumental, do que eles mesmos explican, ten “gran influencia do progresivo e jazz fusión dos 70´s, creando o un estilo propio con temas elaborados, onde a improvisación xoga un papel et'sRockandRollfundamental”.

Tras eles, os presentes poderán desfrutar de Sufre Mamón. Un conxunto novel na escena musical da comarca, integrado por Pablo, Carmelo, Jorge, Manuel e José Luís. Os cinco decidiron, case por casualidade e fai apenas uns meses, poñer a súa experiencia na música ao servizo dun novo grupo co que renden tributo aos míticos Hombre G.

Os seguintes serán Matías, Moncho, Piti, Jorge e Manolo, compoñentes da banda Fora de Ser Vicio. Os de Ribadumia farán vibrar ao público cos seus temas de rock and roll.

Continuarán a festa Foxy Freire, os convidados de honra nesta edición. Catro músicos de jazz que decidiron, alá polo 2010, crear un grupo de rock ao máis puro estilo dos 60. Virxilio da Silva (guitarra e voz) Fernando Sánchez (guitarra) Paco Charlín (baixo) e Max Gómez (batería) contan, ademais, co premio Martin Códax 2016 á mellor banda de rock.

Noite Fechada pecharán o pano nesta edición da festa, que apostou novamente polas bandas locais. Carmelo Abollo, Gustavo Rey, Matías Leiro e Nolo Chazo darán caña con algúns dos seus mellores temas, moitos deles recollidos no seu segundo traballo publicado, que contén, segundo comentan, “sete verdades coma puños, sete disparos directos aos vosos pes para que non paredes de bailar ata o último acorde. Sen miramentos; sota, cabalo, rei; aquí te pillo, aquí te mato.” Xa sabedes o que vos espera.

Advertisements