A III Andaina Solidaria do tinto bate récords de donativos

IMG-20180608-WA0031_optUn novo ano, o Concello decidiu celebrar a que se está a converter nunha tradición máis da “Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas”: a Andaina Solidaria. Trátase xa do terceiro ano consecutivo no que se leva a cabo esta iniciativa, que pretende recadar fondos para algunha entidade que participe en causas solidarias. As pasadas edicións, Cáritas foi a asociación elixida para recibir os donativos que os participantes na camiñada fixeron de xeito voluntario. Nesta ocasión, a beneficiada foi a asociación BATA, que loita pola inclusión social das persoas con autismo, así como na axuda aos seus familiares.

Na súa terceira edición, a organización destacou un aumento da participación, que consolida o crecemento progresivo da actividade. Pero, sen dúbida, o dato máis salientable foi o de recadación que, nesta ocasión, acadou unha cifra récord: 800€ aportados polos participantes cos seus donativos, unha cantidade bastante superior ás acadadas en anteriores edicións.

O pasado venres, os representantes do Concello e a Organización da andaina fixeron entrega do cheque simbólico ao presidente da asociación, Mario Trigo. Os fondos recibidos, comentou,  irán destinados principalmente á compra de material e mobiliario para unha nova aula pedagóxica que a asociación ten previsto abrir este ano, e que permitirá ampliar as prazas do Servizo Educativo ofrecido por Bata para rapaces e rapazas de 3 a 21 anos.

Dende o Concello e a Organización da andaina queremos tamén recoñecer e agradecer a colaboración de todo os participantes, que fan que esta iniciativa sexa posible e que este ano mostraron máis que nunca a súa solidariedade e implicación co maior donativo acadado ata a data.

Advertisements