O concurso oficial de camisetas busca recoñecer a labor e imaxinación das “peñas” que ano tras ano buscan nesta prenda a súa seña de identidade durante as xornadas de festa en Ribadumia.
Camisetas que recollerán, imaxinación e, por suposto, trasladar o motivo da celebración da XLVII Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas. Así, unha edición máis o concurso busca involucrar a veciños de toda a comarca a que participen nel. Destacando que ano tras ano incrementa o número de deseños que optan a ser o vencedor.
Para participar, os grupos teñen que presentar un exemplar da camiseta deseñada nas dependencias do Concello, antes das 13:00 horas do sábado 25 de maio. Así mesmo, deben acompañar este deseño dun sobre pechado co nome da “peña” e os integrantes da mesma, un teléfono de contacto e o lema da camiseta no seu interior.
Á hora de elixir aos gañadores, nomearase un xurado conformado por un membro con experiencia no debuxo e outro con experiencia en fotografía, ámbolos dous coñecedores da festa, así como tres persoas designadas entre o persoal do Concello. Este tribunal outorgará tres premios: un primeiro premio de 200€, un segundo de 100€ e un terceiro de 50€.
Os gañadores serán dados a coñecer o sábado 1 de xuño na Carballeira de Barrantes, durante os actos centrais da XLVII edición da festa grande de Ribadumia.
