Barrantes, tinto, e rock and roll!

CARTEL1Hoxe, día grande da festa, a xornada preséntase cargada de actividades. A investidura dos novos valedores, a lectura do pregón,o Xantar de Confraternidade ou a festa da escuma amenizarán a celebración a partir das 12:30 horas. Ademais, á música tradicional e de orquestra sumarase, a partir das sete da tarde, o rock and roll.

Catro grupos locais e un invitado da comarca farán saltar aos amantes deste xénero na Avenida Rosalía de Castro, que durante unhas cinco horas vibrará ao son de guitarras eléctricas, baixos e batería. Unha oportunidade única para desfrutar dalgunhas das mellores bandas do Salnés.

Os encargados de abrir a veda serán os ribadumienses Ghesgha. Xosé Virxilio Outón (guitarra), Daniel M. Vázquez (baixo), Gabriel González (batería) e Adrián Chaves (teclado, sintetizador e bombardino) romperán o silencio co seu rock instrumental, do que eles mesmos explican, ten “gran influencia do progresivo e jazz fusión dos 70´s, creando o un estilo propio con temas elaborados, onde a improvisación xoga un papel et'sRockandRollfundamental”.

Tras eles, os presentes poderán desfrutar de Sufre Mamón. Un conxunto novel na escena musical da comarca, integrado por Pablo, Carmelo, Jorge, Manuel e José Luís. Os cinco decidiron, case por casualidade e fai apenas uns meses, poñer a súa experiencia na música ao servizo dun novo grupo co que renden tributo aos míticos Hombre G.

Os seguintes serán Matías, Moncho, Piti, Jorge e Manolo, compoñentes da banda Fora de Ser Vicio. Os de Ribadumia farán vibrar ao público cos seus temas de rock and roll.

Continuarán a festa Foxy Freire, os convidados de honra nesta edición. Catro músicos de jazz que decidiron, alá polo 2010, crear un grupo de rock ao máis puro estilo dos 60. Virxilio da Silva (guitarra e voz) Fernando Sánchez (guitarra) Paco Charlín (baixo) e Max Gómez (batería) contan, ademais, co premio Martin Códax 2016 á mellor banda de rock.

Noite Fechada pecharán o pano nesta edición da festa, que apostou novamente polas bandas locais. Carmelo Abollo, Gustavo Rey, Matías Leiro e Nolo Chazo darán caña con algúns dos seus mellores temas, moitos deles recollidos no seu segundo traballo publicado, que contén, segundo comentan, “sete verdades coma puños, sete disparos directos aos vosos pes para que non paredes de bailar ata o último acorde. Sen miramentos; sota, cabalo, rei; aquí te pillo, aquí te mato.” Xa sabedes o que vos espera.

Advertisements

Historia viva de 46 anos de festa

copia páxHoxe da comezo, de xeito oficial, a cuadraxésimo sexta edición dunha festa que é xa tradición en Ribadumia. Corenta e seis anos vividos en primeira persoa por un veciño que tivo un papel fundamental no seu nacemento.

Manuel Núñez Señoráns conta con 94 anos ás súas costas, pero non semellan pesar moito. É o dono dunha desas tendas-bar de aldea, das que gardan milleiros de lembranzas. As paredes deste pequeno establecemento de Leiro respiran anos de historia: a dos seus donos, a dos centos de clientes que por alí pasarían a tomar unha cunca de bo viño, e a da festa que hoxe se inicia.

Con só unha ollada polas súas paredes, semella que paseamos por anos de celebración. Viaxamos atrás no tempo coas fotografías e carteis que colgan destes muros e resumen os lazos que unen a Manuel coa “Festa do Viño tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas”.

copia2Na presentación desta edición da festa, celebrada hai uns días na súa adega particular, Núñez Señoráns compartía cos presentes as súas lembranzas sobre o nacemento dun proxecto que pretendía render homenaxe ao “tinto de Barrantes”. Agora fai xa case medio século dende que a idea se puxo en práctica por primeira vez, organizada, entre outros, polo propio Manuel, por aquel entón membro do Concello. Coa experiencia de tódalas celebracións vividas, o adegueiro recorda tamén que os seus caldos contan con 36 galardóns aos que, como sinala o alcalde, podería sumarse un máis. E é que nesta edición, o seu viño pasou xa as primeiras catas, converténdose nun dos vinte e catro elixidos para chegar á final.

Xunto ao de Manuel, foron uns 130 viños os que se presentaron este ano a concurso, entre tintos e autóctonos, degustados minuciosamente polos padais máis expertos da zona: os de 18 adegueiros e viticultores que levan anos catando caldos.Ou sería máis acertado dicir vivindo? Porque como o máis veterano destes homes sinala, toda a súa vida xirou en torno ao viño. Xa non lembra os anos que leva participando nas catas, pero asegura que máis de 40, cando estas se realizaban unha a unha polas diferentes parroquias. Pero neste caso, o de “calquera tempo pasado foi mellor” non parece convencer aos bodegueiros, que aínda que semellan recordar con certa morriña estes paseos, coinciden en sinalar que agora o concurso está mellor organizado. E é que antes, comentan, a “picardía” era calidade habitual entre os xurados, que tiñan relativamente doado identificar o viño de cadaquén entre os da súa parroquia.

Das eleccións do comité de cata -que este ano contou, por segunda vez consecutiva, con unha muller entre os seus membros- sairán elixidos os seis mellores de cada categoría, que se anunciarán mañá e que poderán ser degustados polo público xeral no Xantar de Confraternidade. Tras a gran final, ademais, realizarase o nomeamento dos novos Valedores da “Orde do Viño Tinto do Salnés”: José Caldas Frieiro, Manuel Castro Castro, Ramón Cores Vázquez, Alejandro Carballa Riego, José Luis Vilanova García, Ricardo Núñez Serantes e Roberto Lucio Abal, aos que se suma Vicente Sotés, vicepresidente da Organización Internacional da Vide e o Viño.. Todos eles pasarán a formar parte do conxunto de persoeiros –adegueiros, membros do mundo da cultura, xornalistas, empresarios, etc- recoñecidos con este título por defender as bondades do tinto. Os sete prestarán, ante o público presente, o tradicional xuramento para  defender ata caer rendido, que non mareado, as bondades desde tinto, fonte de saúde, seña da nosa identidade e causa do noso sorriso perpetuo.

Barrantes resoa con ritmo latino

Combo dominicanoEsta noite, Barrantes comezará a resoar coa música do “Combo Dominicano”, encargado de ir abrindo boca ao fin de semana grande, que comezará maña ás 13:00 horas coa inauguración oficial da “XLVI Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas”.

Cumbia, bachata, salsa, merengue…Un amplísimo repertorio que fará as delicias de todo o público que se achegue ata a Carballeira de Barrantes a partir das 22:00 horas. E é que este é un dos grupos de moda nas verbenas de toda Galicia, especialmente entre os máis novos.

A historia desta orquestra, que hoxe en día congrega centos de persoas en cada un dos seus espectáculos, comeza alá por 1990 coa formación do grupo “Orquídea”. Sen embargo,  non é ata fai uns cinco anos cando, xa co seu nome actual, inicia as xiras por terras galegas.

Como a maioría de agrupacións deste tipo, o “Combo” anima cada concerto con versións dalgunhas das cancións que máis se poden escoitar no panorama musical actual. Pero o grupo conta tamén cun repertorio propio moi coñecido estre os seus seguidores.

Juan Carlos Balbuena, Davinia Fleitas, Oliver Pérez, Eulicer Aróstegui e Néstor Peña son actualmente as voces desta formación, que completan Yesenia Pereira e Raquel Lorenzo como corpo de baile. Na parte instrumental atópanse Papy Bass Beltre no baixo; Cirano Núñez ao teclado; Jorge Polanco, Roberto Alcántara e Carlos Alfredo Ortiz na percusión; Osvaldo Zorrilla e Nino Sax nos saxos, e José Chacón e Jorge Sandoval ás trompetas.

Así que xa sabedes: esta noite, todos a bailar a Ribadumia!!